Vida Cristiá e Adoración

Como vivir a fe máis plenamente.

Adoración eucarística

A eucaristía é a fonte e mailo cume de toda a vida cristiá. Sempre dicimos que é a gran oración da Igrexa e por iso non pode faltarnos, porque a eucaristía é Cristo mesmo que se nos dá como alimento para andar o camiño da vida. Por iso na nosa parroquia contamos con grupos de adoración eucarística que se xuntan cada mes para orar e adorar. Os dous grupos de Adoración Nocturna, ANE e ANFE están abertos á participación de todos.

Grupo Bíblico

A Palabra de Deus é para nós palabra viva e eficaz, capaz de cambiar o corazón das persoas. Por iso canto máis a coñezamos mellor o coñeceremos a El. Este é o convencemento que nos axuda a profundizar na fe, a atopar respostas a moitas preguntas e, sobre todo, a vivir a nosa vida cristiá con maior autenticidade. Este grupo bíblico é bastante numeroso e está aberto a todos aqueles interesados que queiran participar.

Apostolado da Oración

A través da oración os cristiáns mantemos unha constante relación de amizade con Deus. Facer oración é poñernos nas súas mans e confiarlle a nosa vida. Por iso non pode faltarnos nunca. O Apostolado da Oración é unha gran rede mundial de oración que nos axuda a facer nosos os gozos, as esperanzas, as angurias e as tristuras de todos, especialmente dos pobres e de cantos sufren, subliñando así a perspectiva misioneira da nosa fe.