Fillas da Caridade

Unha vocación de servizo.

San Vicente e Santa Luisa

San Vicente de Paúl, o pai dos pobres, fundou en 1625 a Congregación da Misión e no ano 1633, xunto con Santa Luisa de Marillac, a Compañía das Fillas da Caridade. Os dous santos eran personalidades moi diferentes, pero ao mesmo tempo coincidentes no sentido de que os dous se entregaron de forma radical ao servizo dos pobres por amor a Xesucristo.

As Fillas da Caridade en Ribadeo

O día 2 de febreiro de 1898 as Fillas da Caridade chegan a Ribadeo para facerse cargo do Hospital-Asilo. No centro realizarán tamén, como parte da súa misión, tarefas educativas. Aos poucos vai aumentando o alumnado e chega un momento no que deciden independizar as dúas obras. A partir do ano 1918 un grupo de irmás segue atendendo o Hospital e outro grupo trasládase a un edificio da rúa Trindade para establecer alí o colexio.

Colexio Sagrado Corazón de Jesús

O edificio da rúa Trindade, que fora doado para instituir alí unha institución educativa, será o xerme do actual Colexio Sagrado Corazón de Jesús. Hai algo máis de cincuenta anos, posto que o número de alumnos segue aumentando, empézase a construción do actual colexio nuns terreos doados no ano 1944 no barrio das Picarolas, xunto á estación vella. Trátase dun amplo edificio de catro plantas en forma de uve, no que estudan actualmente algo máis de cincocentos alumnos.